Friday 17 de May de 2024

Unha ducia de espectáculos para público familiar integran o Verán Cultural


O Concello da Pobra do Caramiñal continúa engadindo novas propostas ó seu calendario de actividades para este verán. Nesta ocasión, a Área da Cultura anuncia os espectáculos para público familiar que integran o programa do Verán Cultural; unha ducia de representacións de balde que se desenvolverán ó longo dos meses de xullo e agosto. Todos eles transcorrerán a partir das 20.30 horas, no Cantón da Leña, agás o do día 5 de agosto, que será pola praia e rúas. As prazas cubriranse por orde de chegada ata cubri-la cabida. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Conticánticos estreará o cartel no 13 de xullo coa función Os Trotasongs, aparecendo en escena na súa nave para compartir coas persoas asistentes a maxia da maleta en que gardan as cantigas que recollen nas súas viaxes a través do tempo e do espazo.

A seguir, no 15 de xullo Expresión Produccións achegará o espectáculo O libro xigante, do cal saen personaxes fantásticos que traerán historias para contar, cantar e sorprender. Mestúrase animación, teatro, monicreques, contacontos, maxia, clown e música en directo.

No 20 de xullo será a quenda de Barafunda Máxica, da man de Barafunda, onde a maxia é o fío condutor desta viaxe, que levará o público ó mundo do maxín, onde todo, ou case todo é posible.

Avelacirco con A corda, no 22 de xullo, ofrecerá a parte máis divertida de ir contracorrente nunha mestura de circo e clown.

Así mesmo, no 27 de xullo terá lugar A feira das linguas con Lydia Botana. Consiste nun concerto acústico cunha instrumentación variada: piano, acordeón, ukelele, caixón, instrumentos doutras culturas e mais autóctonos mesturados con bases electrónicas.

E Apuntando ó corazón correrá a cargo de Moc Moc-Santimbanqui no 29 de xullo. A improvisación e o humor son as chaves coas cales abre as portas ó seu máximo universo de xogos e moito ritmo, ademais de combina-la destreza e espontaneidade co clown e os malabares.

Xa no mes de agosto, Isla LeTriska recalará no día 3 con LeTriska Inmobile cun personaxe que sorprenderá todo o mundo realizando proezas tales como incribles malabares.

No 5 de agosto, Educateatro trasladará ó municipio o seu Paseo Xurásico: un divertido itinerante protagonizado por un xigante Tiranosauro Rex corpóreo e dúas crías de Triceratops e Velociraptor que sorprenderán tódalas persoas viandantes, acompañados dun alegre paleontólogo que interectuará con todos eles.

Cé Orquestra Pantasma contará en A voar, no 10 de agosto, a historia da pequena Xoana, quen, movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que mudará a súa vida.

Posteriormente, con Abracadaver, de Assircópatas, presentarase no 12 de agosto unha función terrorífica, unha cura colectiva para perde-lo medo.

Teatro Calavera traerá, no 17 de agosto, Palma repalma, que, ademais de como comeza a canción, son as palabras máxicas e o inicio da historia. Un espectáculo enmarcado nun souto encantado onde viven animais e algúns seres máxicos, como os propios protagonistas.

Finalmente, no 19 de agosto chegará O mega aniversario… co cal La Guagua quere darlle as grazas a toda a rapazada por ser todo un exemplo neste tempo marcado pola COVID-19.